Presentadas 68 alegacións ao Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo


Aínda que están pendentes varios informes sectoriais da Administración autonómica, o equipo redactor iniciará de inmediato o estudo das alegacións


Rematados os dous meses do período de información pública, o Concello de Carballo recibiu 68 alegacións ao Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo. Aínda que seguimos pendentes de recibir varios informes sectoriais que debe emitir a Administración autonómica, o equipo redactor comezará a estudar as alegacións de inmediato para que nun prazo aproximado de dous meses poidan convocarse “as comisións precisas para ditaminalas”, tal como indica a concelleira de Planificación, Milagros Lantes.

O Concello de Carballo vén primando a participación veciñal durante todo o proceso de elaboración do plan especial de Arnados, e nesa liña xa en xaneiro, tras a aprobación inicial do documento, realizouse un envío de notificacións individuais ás máis de 200 persoas afectadas e púxose en marcha para elas un servizo de atención individual que utilizaron un total de 77 persoas: 57 foron atendidas polo equipo redactor no Fórum Carballo, 16 na Oficina Técnica Municipal e 4 por videoconferencia.

O obxectivo do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo é a ordenación integral dunha superficie de 313.171 metros cadrados de solo rústico entre o núcleo de Razo da Costa e o monte Peados. A elaboración do documento foi laboriosa, xa que, por unha banda, ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais; mentres que, por outra, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito. Nese sentido, delimítanse e ordénanse de xeito integral as zonas susceptibles de acoller usos propios de espazos libres, actividades deportivas, accesos ás praias ou aparcadoiros.

Paralelamente levouse a cabo o estudo de detalle da fachada litoral de Arnados, que xa está aprobado definitivamente.

Comentarios

Entradas populares de este blog

SÍNTESE DO DOCUMENTO DE ALCANCE

EXPOSICIÓN PÚBLICA